O
Lameiro é unha pequena viliña moi bonita que cae á beira dun río. As
casas están todas moi xuntas, seguramente porque no inverno vai moito
frío, e aprétanse unhas contra as outras para se dar calor mutuamente.
Hai casas vellas de pedra e casas feitas con ladrillos e cimento aínda
que están por fóra caleadas. No medio do Lameiro hai un xardín para
que os vellos tomen a raxeira cando hai sol e os nenos teñen alí
arrendeeiras e escorregadoiros nos que xogar cando non chove.
Polo medio e medio do Lameiro pasa a rúa
principal, estreitiña e cun chan irregular, pero fachendosa de que
tódalas outras rúas rematen sempre por vir parar a ela.
Os veciños, aínda que pareza mentira,
lévanse todos ben. Isto non quere dicir que de cando en vez non haxa
discusións e mesmo algunha que outra palabra en tono máis alto do que
é normal. Pero o caso é que para o outro día, como xa pasou o motivo
da discusión, tamén pasaron as palabras e os berros.
Non vaia alguén pensar que as xentes do
Lameiro non teñen problemas, que os teñen coma todos, e algún deles
ben gordo por certo. Isto era o que lles pasaba cando en certos días do
inverno chovía algún tempo arreo,
porque daquela o río enchíase moito de auga e botábase fóra da súa
cunca. Cando aparecía a chea do río, a auga chegaba ata as cociñas
das casas. Nas casas que tiñan animais debían levalos para o sobrado.
As leiras que case todos tiñan polas beiras do río, quedaban todas
asulagadas. Ás veces algúns animais afogaban, porque non lles daba
tempo para fuxir da auga.
Isto amolaba moi de veras ós veciños do
Lameiro. Esta xente que tan feliz era o resto do ano, cando chegaba o
inverno e comezaba a chover, xa non quitaban ollo do río e todos
andaban con cara de preocupación.
Unha vez xuntáronse tódolos veciños e
puxéronse a falar para ver se daban cunha solución para o seu grave
problema.
Eu, a única que vexo dixo o alcalde, é
pedir cartos á capital e facer unha muralla ben alta ó redor do
Lameiro. Así cando veña a chea, a auga non poderá pasar.
Si falou Carlos Xestos, pero despois temos
que pasa-lo ano enteiro sen ve-los montes nin nada de canto temos
arredor da nosa vila.
Podíamos tirar tódalas casas e facelas outra
vez enriba duns pés ben altos, así cando veña a chea a auga pasará
por baixo apuntou Primo Melón.
Estaría ben dixo Segundo Subela, pero
teriamos que estar todo o ano espolicando acolá enriba por culpa duns
poucos días de chea.
Iso non pode ser volveu a intervi-lo
alcalde,
sería moi caro e ademais sería malo para os velliños, tódolos días
subindo e baixando escaleiras.
Así estiveron ata que se deron conta de que debía ser moi tarde,
porque alguén prendeu a luz cando se decatou de que xa case non vían
as caras uns ós outros. Cando isto sucedeu algúns fixeron movementos
que indicaban claramente que se querían ir, pero quedaron parados cando
se ergueu un velliño ó que ninguén lle facía caso nunca, porque
dicían que tiña moita imaxinación, cousa que é moi frecuente escoitar,
cando debería ser xustamente ó revés, e a quen máis caso lle
habería que facer é ós que máis imaxinación teñen. Todos calados
volveron os ollos cara ó vello que, posto no medio e medio de todos,
falaba en alta voz.
A solución dicía, é que cando vaia vi-la auga nos
poñamos todos
arredor do Lameiro, e agarrando todos a terra poñémo-lo Lameiro no
alto, deixámolo así mentres dure a chea e o río pasa por baixo. Cando
comprobemos que xa pasou a chea, empuxamos todos cara abaixo e
volvémolo a pór no seu sitio.
Botáronse todos a rir cando o vello acabou de expo-la súa idea. El
dixo que se risen todo canto quixesen, que el pensaba erguer polo seu
lado, e foise.
Fóronse tamén tódolos veciños dicindo
que botaran alí a tarde enteira e non se deran posto de acordo no que
habería que facer para que aquel ano, a auga non lles entrase polas
portas das casas. E ata había algúns que dicían que o que ían facer
era marchar do Lameiro.
Non tardou moito en comezar a chover e xa
tódolos veciños vivían pendentes do río que vixiaban día e noite. E
como choveu dez días arreo, chegou o momento no que alguén deu a voz de
alarma:
¡O río, o río! ¡Que xa se está
botando fóra!
Todos foron a correr para pór a salvo da
auga as cousas de estima e, especialmente, os animais.. Mentres o velliño facía todo o contrario e botábase fóra da casa
camiño das
lindes da vila. Alí anicrouse e agarrou firmemente unhas herbas que
había, ergueu con tódalas súas forzas e entornou o Lameiro...
As xentes comezaron a esvarar polas rúas
abaixo, pero, un pouco a pé e outro pouco arrastrándose, deron chegado
a onde o vello estaba turrando polo Lameiro para arriba.
¿Que facedes aquí mirando para min? berroulles. A ver, vós ide a
correr a aquel lado; e vós ide para alí enfrente; os outros todos para
detrás da igrexa. Veña, correde e erguede con forza que xa vén aí a
auga.
Fixeron todos como o vello Iles mandou e
aquel ano o río parou por debaixo do Lameiro.
Cando parou de chover e o río comezou a
baixar, non fixo falla que ninguén lles dixese onde se tiñan que pór
cada un, porque xa estaba todo ben organizado para facer tal e como o
vello lles dixo que habería que facer para volver a pó-lo Lameiro no
seu sitio. Colocáronse todos arredor da vila, agás un neno que lle
mandaron que se puxese no campanario da igrexa, cando todos estiveron
preparados o rapaz deu tres badaladas seguidas, e á terceira soltaron
todos a un tempo e o Lameiro foise pousando a modiño no lugar que Ile
correspondía. E todo volveu a ser coma antes, agás que agora pensan
que nos casos difíciles de resolver, venlles moi ben botar man do vello
porque ten moita imaxinación. |